Premio á traxectoria empresarial da Cooperativa do Val

Venres, 27/06/2014 - 10:04

O Consello Galego de Cooperativas, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, recoñeceu a traxectoria empresarial da Cooperativa do Val co galardón Premio á promoción do cooperativismo.

Este galardón entregarase o próximo 5 de xullo con motivo do Día do Cooperativismo Galego 2014, no Centro Ágora (A Coruña). Trátase dunha nova distinción ao noso longo percorrido empresarial e ás accións promovidas para o fomento do cooperativismo e para o servizo á cidadanía.

Fundada en 1973 por un centenar de persoas, a Cooperativa do Val suma na actualidade un total de 1.535 socios. Desde os seus inicios como almacén de distribución de produtos agroalimentarios, a cooperativa diversificou xa nos seus primeiros anos de vida o modelo de negocio, até a ampla oferta actual, que pasa pola comercialización de leite; a sección de horta; supermercado; xestión de seguros e a sección de crédito. Esta última foi posta en marcha en 1975 e é a que máis beneficios achega ao colectivo.